O galego no ensino

Posted on 13 julio, 2011 por

4



No ano 2004, o goberno de Fraga, do cal formaba parte Feijoo, aprobou o Plan de Normalización Lingüistica (PNL) co apoio de toda a cámara (PP, PSOE e BNG). Este plan pretendía potenciar a normalización do galego en Galicia, pois mentres que no ano 1990 o 60% da poboación galega falaba en galego, 11 anos despois esa porcentaxe reducírase ao 30%.
Entre outras medidas o PNL pretendía que se elaborase un decreto do uso do galego no ensino que potenciase esta lingua e resultado disto foi o decreto 124/2007, aprobado xa polo bipartito, pero que estaba contemplado no PNL, é dicir, se Fraga gobernase tería aprobado un decreto semellante.
A pesares do que se dixo dende a dereita, neste decreto dise que o 50% das materias deben ser impartidas en galego. Sen ir máis lonxe, e se non recordo mal, en Valencia, comunidade gobernada polo PP, o 50% das materias se imparte en valenciano.
Para asegurarse de que esta porcentaxe se cumprise, este decreto indicaba tamén unha serie de materias que debían ser impartidas en galego. Entre estas materias estaban materias como tecnoloxía e matemáticas co fin de prestixiar a nosa lingua, pois en Galicia moita xente pensa que o galego é unha lingua de segunda que non sirve para falar de certas cousas (Darlle prestixio ao Galego tamén ven recollido no PNL aprobado por Fraga e Feijoo).
Sen embargo, na precampaña e campaña electoral das eleccións galegas do 2009, Feijoo fartouse de dicir que o bipartito se saíra do PNL aprobando un decreto que impoñía o galego no ensino (recordo que só obrigaba a impartir o 50% das materias en galego).
Para non quedar de antigaleguista, cando Feijoo chegou ao poder impulsou un decreto a favor do trilingüismo, no que un terzo das materias serían impartidas en castelán, outro terzo en galego e outro terzo en, dando a entender que o galego e o castelán en Galicia están en igualdade de condicións, cousa que non é certa, posto que o galego actualmente está vista como unha lingua de segunda e no sistema educativo galego entran falando galego máis nenos dos que saen, é dicir, o sistema educativo galego é un sistema castelanizador.
Pero resulta que o sistema educativo galego non está preparado para que o 33% das materias se impartan en inglés, así que mentres non temos profesores que poidan dar outras materias en inglés, os pais decidirán en que idioma se imparten esas materias.
Cal será a consecuencia? Que os pais que non queren que os seus fillos aprendan galego porque o ven como unha lingua de segunda, escollerán que todas estas materias sexan impartidas en castelán, polo que o galego, lingua que segundo o PNL aprobado por Fraga e Feijoo debería ser potenciada, queda en inferioridade con respecto ao castelán.
A isto hai que engadirlle o feito de que se lle permita aos pais decidir sobre unha parte tan importante do currículo dos seus fillos. ¿Isto non debería de ser unha decisión dos profesionais da educación ou da administración educativa? ¿Vamos camiño de facer como nalgúns estados dos Estados Unidos, onde se lles pregunta aos pais se queren que aos seus fillos se lles ensine a evolución darwiniana ou o creacionismo? Porque se é así eu quero que se me pregunte para que nos libros de texto de historia que estuden os meus fillos poña que o que pasou en 1936 foi un golpe de estado. Ou iso non nolo van preguntar?
A que se debe esta estratexia? Na miña opinión, nas eleccións do 2009 UPyD íase presentar en Galicia e unha das súas propostas era un ataque ao idioma galego. Isto podíalle quitar votos ao PP en Galicia, polo que adoptaron unha política lingüística que rachaba co que viñan defenden nos últimos anos. Nas pasadas eleccións UPyD quedouse a moi poucos votos de entrar no parlamento e o PP logrou a maioría absoluta por un só escano. De ter entrado UPyD o PP teríase visto forzado a pactar con eles. É dicir, como tantas outras cousas, empregaron o idioma galego, que é parte da nosa cultura, de forma electoralista.

Por Adrián González

Anuncios
Posted in: Blog