O Alcalde responde ó Movemento “Indígnate Pontevedra”.

Posted on 3 agosto, 2011 por

16



Como a maioría lembraredes, o pasado 8 de xullo, un pequeno grupo de compañeiros acudiu ao Concello para se reunir co Alcalde desta cidade.

Esta reunión concertouse en resposta á solicitude formal, mediante instancia, que o Movemento fixo polos canles establecidos pola Ley de Procedimiento Administrativo Común. A citada lei establece que, en termos xerais, a Administración está obrigada a dar resposta expresa a toda solicitude cidadá, aínda que son moitos os casos nos que o silencio administrativo é o forma de resolución do procedemento iniciado.

Neste caso, aínda que con certo retraso, o Alcalde deu resposta por escrito a unha das demandas plantexadas durante a reunión, a concesión dun local municipal para o desenvolvemento do traballo organizativo que as actividades do Movemento requiren. Fíxoo a través dunha carta que no día de onte nos fixo chegar, e que a continuación transcribimos textualmente:

 

CONCELLO DE PONTEVEDRA

O ALCALDE

 Comisión de representantes do Movemento 15M

Pontevedra

Pontevedra, 20 de xullo de 2011

Estimados Sres,

Compráceme comunicarme de novo con vostedes, despois da xuntanza mantida días pasados no Concello. Como ben coñecen, son sensíbel ás súas necesidades e comparto moitas das súas demandas, se ben precisa­mente unha das máis significadas en canto ás posibilidades municipais, como é a cesión dun local para as actividades permanentes do colectivo, non vai poder satisfacerse.

Estudadas diferentes posibilidades, a situación é a seguinte: Das entida­des sociais e culturais existentes (Ateneo, Maio Longo, Amigos da Cultura, Socio-cultural do Burgo, Cedofeita, etc.) nengunha delas ten locais cedi­dos polo Concello. Entre as entidades veciñais, a situación é moi seme­llante: só unha pequena parte delas ten locais municipais, e entre as fede­racións, só dispón del a máis antiga, a Federación Castelao, mais non as outras duas, Teucro e Boa Vila.

Das asociacións ecoloxístas (Defensa da Ría, Vaipolorío…), de Defensa da Sanidade Pública, de Mulleres, Deportivas, e outras semellantes, ningunha dispón de local municipal. Así mesmo, nengunha organización política nen sindical dispón de locais cedidos polo Concello.

Todo este amplo e numeroso movemento asociativo de base, que suman­do todos os tipos acadan varios centos de entidades, resolve polos seus propios medios ou coa colaboración puntual de institucións ou empresas a carencia de locais municipais de uso permanente. Na actualidade existe unha demanda continua de dotacións de locais que, por desgraza, desbordan absolutamente as posibilidades do Concello, a pesares dos esfor­zos que se fan para aumentalos.

En canto á ocupación de vías ou espazos públicos para postos perma­nentes, a demanda é tanto ou máis elevada que a de locais municipais, ante o que se adoptou o criterio de que únicamente os puntos de informa­ción turística e os postos da ONCE e a Confederación Galega de Minusválidos (COGAMI) poidan utilizar ese tipo de espazos de xeito per­manente. O resto das concesións, xa moi escasas, están en proceso de extinción.

Para atender a esa demanda con criterios máis xustos e equitativos optouse por realizar concesións puntuais con límite temporal moi breve e definido, para así poder atender unha parte máis ampla da intensa deman­da, imposíbel de satisfacer na súa totalidade, nen tan sequera na súa maior parte.

A pesares da miña coincidencia persoal con moitos dos seus prantexa­mentos, nunca estivo no meu ánimo realizar excepcións que puidesen ser entendidas como trato de favor. Estou absolutamente convencido que, polos principios que inspiran o seu movemento, vostedes tampouco pre­tenden, nen aceptarían no seu caso, un trato que resultaría discriminatorio para o amplo movemento social de base que leva anos agardando que o Concello teña posibilidades de lIes facilitar locais para desenvolver as súas actividades, ou postos fixos nos espazos públicos.

Por tanto, as súas demandas poderán ser satisfeitas na medida que a dis­poñibilidade de locais municipais así o permita, sen caer en agravios con outras entidades, situación que está moi lonxe de darse na actualidade.

Agardo que poidan satisfacer as súas necesidades coa instalación de postos de información efémero nos espazos e momentos máis aconsellá­beis para comunicarse coa cidadanía.

Reciban un afectuoso saúdo do seu alcalde,

Miguel Anxo Fernández Lores.

(orixinal firmado)

 

Para maior transparencia pola nosa parte, poñemos á vosa disposición o orixinal escaneado en formato pdf e que podedes descargar:

FACENDO CLICK AQUÍ 

 

 

Anuncios
Posted in: Blog