MANIFESTO 15O

Posted on 17 octubre, 2011 por

5



Hoxe, persoas de todo o mundo tomamos as rúas e as prazas. Dende América ata Asia, dende África ata Europa, os pobos estámonos a levantar para reclamar os nosos dereitos e pedir unha auténtica soberanía. Agora chegou o momento de unir as nosas forzas nun alzamento pacífico a escala global, sen cores políticas, sen símbolos, sen bandeiras, un alzamento conxunto de todos os pobos.

Os poderes establecidos actúan en beneficio duns poucos, desoíndo a vontade da gran maioría, sen importarlles os custes humanos e ecolóxicos que teñamos que pagar. Hai que poñer fin a esta intolerable situación e unidas e unidos nunha soa voz, facer saber aos políticos e ás elites financeiras as que serven, que agora somos nós, a xente, quen vai decidir o noso futuro.

En unidade seremos quen de acadar a soberanía que os intereses dos capitais inténtannos arrebatar, xuntos acadaremos a soberanía global que como seres humanos nos pertence de forma natural.

Esiximos, por tanto, a todos os poderes políticos, militares e xurídicos que se poñan ao servizo do pobo, demostrando un exercicio de verdadeira democracia, para artellar os mecanismos, cambios e reformas necesarias para garantirnos unha soberanía global que contemple os seguintes puntos:

1. Soberanía alimentaria para todos os pobos e persoas do planeta, garantindo o dereito dos pobos e das comunidades a definir as súas políticas agrícolas, pesqueiras, alimentarias e de terra que sexan ecolóxica, social, económica e culturalmente apropiadas ás súas circunstancias únicas. Isto inclúe o verdadeiro dereito á alimentación e a produción dos alimentos, que todos os pobos teñan un acceso a unha alimentación san, nutritiva e culturalmente apropiada, a unha capacidade para manterse a si mesmos e as súas sociedades garantindo o libre acceso a auga, a terra, as sementes naturais e a biodiversidade.

2. A soberanía social que defenda ao individuo en igualdade co resto da súa comunidade, así como coas demais comunidades do planeta, garantindo os seus dereitos e deberes, o cumprimento da declaración universal dos dereitos humanos, o dereito a vivir en paz e en liberdade, dignidade e igualdade dentro e fora do seu territorio, independentemente do seu sexo, raza, condición social ou económica, ideoloxía, relixión, orientación sexual ou calquera outro tipo de pensamento ou diferencia co resto dos individuos da súa comunidade, dentro dun marco de respeto mutuo polos dereitos e deberes de todos e todas.

3. A soberanía cultural que respete e protexa as identidades dos pobos orixinarios e as minorías dentro dun mundo global e multicultural. Que garanta o libre acceso ao coñecemento e a información de forma transparente e eficaz, o libre acceso aos medios de comunicación e as novas tecnoloxías, a liberdade de pensamento e de expresión, a liberdade de crenzas e prácticas relixiosas, separando completamente estas dun estado e uns poderes públicos que han de ser verdadeiramente laicos. A liberdade de ideoloxía e a liberdade cultural. Soberanía cultural que garanta o acceso a unha educación libre, de calidade e gratuíta a todos os niveles de formación para todas as persoas do planeta.

4. A soberanía política que garanta unha democracia real, directa e participativa, a liberdade e o dereito a participación da cidadanía na toma de decisións políticas que afectan ao seu presente e futuro a través de sistemas seguros de voto electrónico e referendo. A transparencia absoluta da administración e dos poderes públicos e o libre acceso a toda a documentación xerada por estes. Que protexa a soberanía política das comunidades e pobos con identidade propia, así coma o seu recoñecemento dentro das estructuras e xerarquías políticas estatais e internacionais como pobo soberano dentro do seu marco territorial.

5. Soberanía económica, enerxética e mercantil, garantindo uns servizos bancarios e financeiros públicos que protexan os intereses de todos e todas. O libre acceso ao crédito a intereses xustos e con criterios éticos. A dación en pago en créditos hipotecarios. Un estricto control das finanzas e as transaccións nacionais e internacionais perseguindo e loitando activamente contra a especulación. Un correcto reparto das riquezas e un equilibrio solidario dos impostos. A eliminación dos paraísos fiscais e dos privilexios dos grandes capitais. O control dos mercados e o movemento de mercadorías, protexendo o comercio local e de proximidade, garantindo un comercio xusto basado en valores éticos e medioambientalmente sostibles. Medidas e leis que garantan a soberanía enerxética dos pobos, aproveitando os recursos dos que dispoña o seu territorio en beneficio de todo o seu pobo soberano. Unha soberanía que garanta ao individuo a liberdade da autoproducción de enerxía para o autoconsumo a través de medios ao seu alcance, respectando os valores de sostenibilidade e minimización do impacto ambiental.

Por tanto, unímonos nunha soa voz en todo o mundo, esiximos unha soberanía global para os pobos e comunidades de todo o planeta en favor do ben e os intereses comúns, a igualdade, a equidade e unha verdadeira sostenibilidade que garanta a vida digna ás futuras xeracións. Esiximos o inmediato abandono do actual sistema neoliberalista que nos está levando a mercantilización do ser humano, e por tanto cara unha autodestrucción global. Esiximos a adopción dun sistema político, social e económico que defenda esta soberanía global e garanta o noso presente e o noso futuro primando os intereses comúns, o pleno emprego, os servizos sociais, a educación e a sanidade por encima de calquera tipo de interese privado ou privativo de calquera persoa ou entidade, pública ou privada.

Seguindo a senda do camiño de cooperación e irmandade que hoxe nos truxo ata aquí, seguiremos traballando e loitando de forma pacífica polos nosos dereitos naturáis ata que as nosas esixencias sexan escoitadas e atendidas, ata acadar o cambio necesario.

¡Non somos mercadoría en mans de políticos e banqueiros que non nos representan!

Anuncios
Posted in: Blog