O orgullo de ser español

Posted on 5 enero, 2012 por

16



Nos últimos anos, a raíz da crise, os españois nos vimos queixando da pouca humanidade e decencia que amosan os nosos políticos, banqueiros e empresarios. Mentres o país se enche de parados, se baixan soldos e os recortes ameazan con destruír o noso estado de “ben estar”, os políticos seguen sen prescindir dos seus privilexios, os banqueiros seguen a amosarse implacables no cobro das hipotecas e os empresarios continúan co seu empeño de precarizar o traballo ata o infinito e máis aló.

Se miramos fora de España o panorama non é moito mellor, pero aprécianse certas diferencias; en Islandia os responsables da crise foron levados ante os tribunais, en países como Alemaña os empresarios reducen soldos e xornadas laborais en períodos de crise para evitar despedir á man de obra cualificada que tanto lles custou formar e en Francia as grandes fortunas solicitaron que se lle aumentasen os impostos… vale que é un lavado de cara, pero en España nin se preocuparon de quedar ben. Por que os que teñen a tixola polo mango se amosan máis inhumanos no noso país que noutros lugares do mundo?

En Alemaña non hai barreiras para entrar no metro… á inmensa maioría dos alemáns nin se lles pasa pola cabeza utilizar o metro sen pagalo. Moitas persoas me teñen comentado que se deixas unha mochila esquecida nun parque de Gran Bretaña, cando volves a buscala… segue alí!!! En países como Suecia, Noruega ou Finlandia, están orgullosos de pagar impostos porque saben que iso supón boas infraestruturas e unha boa educación para os seus fillos…

Pola contra, en España, intentamos non pagar nos metros aínda existindo barreiras, como deixes algo nun banco dun parque xa o podes dar por perdido e no tocante aos impostos… aquí o que menos paga é un heroe. Iso si, logo todos nos queixamos das estradas sen arranxar ou de ter que pagar os libros de texto dos nosos fillos. Se o españolito de base se comporta así, que fará cando teña unha certa cota de poder?

Non facemos máis que queixarnos dos nosos mandatarios, pero que hai de nós? Estamos facendo algo por cambiar esta sociedade? Observa ao ter redor. Cres que a meirande parte da xente que te rodea non actuaría do mesmo xeito se fose banqueiro, empresario ou político? Cantos dos 3 millóns de parados que creou esta crise non volverían a consumir de maneira irresponsable, endebedándose ata as orellas, se recuperasen o seu traballo e a crise fose un mal recordo? Agora todos ansiamos que o mundo cambie, pero non cambiará ata que cada un de nos cambie.

Comecemos por pasar máis tempo cos nosos fillos, ensinándolles que o máis importante non é ter xoguetes ou ir a moda, por axudar ao noso veciño, por poñernos no lugar dos demais e comprendelos en lugar de criticalos, por queixarnos cando aos demais lle baixen o soldo aínda que a nós non nos afecte, en lugar de só queixarnos cando nolo baixan a nós para que aos demais tamén llo baixen…
Se somos capaces de crear unha sociedade realmente civilizada e solidaria, tal vez aparezan políticos, empresarios e banqueiros que nos traten como persoas e non como mercadoría.

Hai un ano pensaba que isto que estou escribindo era imposible… unha utopía. Pero despois do 15 de Maio coñecín xente que me ensinou que isto si que se pode facer, que podemos construír un país do que nos sintamos orgullosos, que se queremos…

OUTRO MUNDO É POSIBLE

Willy Soliña.

Posted in: Blog