Reforma laboral: hipoteca-lixo das nosas vidas

Posted on 15 febrero, 2012 por

9




Parece que só un catedrático en Economía (especializade en laboral) podería entender e analizar unha lei que recaerá sobre as costas de todos nós. Pero nós, os das costas cargadas, deslombadas, contracturadas quizais ollemos a famosa lei e pensemos nun titular….por exemplo: A flexibilización Vs os dereitos dos traballadores! O Neoliberalismo Vs Socialismo inclusive  Comunismo!!. Vaia reducionismo! Exclamarían os puritanos da análise económica! De seguro tamén increparían de reducionista a estoutro razoamento que parece estar na base de dita reforma: ”se o que queremos é crecemento da economía non se pode permitir que aos empresarios- que ( non nos equivoquemos!) son os que crean riqueza neste país- teñan as mans atadas por unhas leis obsoletas. Leis que non son máis que vestixios pasados daquelas ordas comunistas que se tiveron que acalar durante a guerra fría para que non instaurasen URSS por todo Europa…! Pero xa se acabaron aqueles tempos, as verdades camufladas, os seica, estados de benestar. Xa non hai medo. Os traballadores están representados por sindicatos rebrandecidos, submisos! Vaia se non hai medo… !O único que farán será unha xornada de folga para poder perpetuarse no posto sagrado de defensores da plebe.”

É totalmente ridículo analizar a situación seguindo esta simple sentencia? Díganme vostedes, catedráticos da economía, sabios da sociedade, eruditos vitalicios das páxinas de opinión, ¿como analizarán vostedes unha reforma que recorta os dereitos dos traballadores coa escusa da necesidade de maior contratación? Discusión eterna entre aqueles que afirmamos que recortar en días de indemnización, acumular contratos temporais ata o infinito, precarizar o traballo dos xoves, poñer data de caducidade aos convenios, deixar na man dos empresarios o cambio unilateral de horario, funcións e soldo dos traballadores e un longo etc non fará mellorar a economía española e aqueloutros que se afanan en sacudir no aire gráficos e regras infalibles deses que fixeron un día economistas iluminados…Pero nin sequera ten sentido xa afondar en tal discusión. Só preguntaremos: ¿É a orixe do  problema da economía española as “malditas” leis inflexibles do mundo laboral? ¿Así pensaba o novo gabinete facerlle fronte á crise? Non queda máis que felicitar ao Presidente de Goberno e a estirpe de novos ministros(de novos privilexiados) pola súa fantástica análise e máis que notable actuación….

Era obvio que non botarían unha ollada ao sistema financeiro, ao sistema impositivo( senón é para facelo menos redistributivo), aos febles piares dunha economía baseada no traballo de baixa cualificación, aos privilexios insostibles e ao fraude fiscal…Non, é evidente que eses non son os problemas do seu país, que este só se ilustra nunha bandeira e en palabras pegañentas sobre unha nación e un pobo que ”sairá adiante” nos discursos preelectorais dos candidatos. Non cabe dúbida xa de a quenes serven eses que se dan en chamar representantes da “soberanía nacional”. (Palabra perdida entre as páxinas dunha “santísima” Constitución que se prostitúe cando convén.)

Como terminar unha reflexión que quixera ser análise pero que se perdeu entre as noxentas verdades que amantan esta reforma laboral? Rematando coa mesma inexactitude coa que comezou, deixando soamente caer un dato repulsivo que ilustra as lealdades do executivo español. Que ilustra os beneficiarios primeiros e últimos da reforma laboral, e de tantas outras reformas que virán. O ministro de economía::  Luis De Guindos  foi ata ben pouco responsable para España e Portugal de Lehman Brothers, banco de inversión de EEUU que está na orixe da crise económica que se desatou no 2008 ao contaminar o mercado internacional coas chamadas hipotecas lixo. Reflexo estas últimas do produto final da desregulación sen fronteiras.

Chámenme groseira, pero ese mesmo cualificativo é o que inspira en min a reforma laboral: Tesouro e panacea do liberalismo salvaxe para algúns. Lixo para aqueles que nos enfrontamos ao mundo laboral sen unha triple A no peto.

 Iria M. Val

 

 

 

 

 

 

Anuncios