SÁLVANOS SPIDERMAN!!!

Posted on 4 marzo, 2012 por

8


Sin título1


Todos coñeceredes a Spiderman, ese superheroe que na súa vida normal era un pardillo máis ao que todo lle saía mal a pesares de ser un cerebrín.

Algo semellante lle pasa a xuventude española. Trátase da xeración mellor preparada da historia do noso país, pero a metade non pode traballar, mentres que a outra metade o fai en condicións miserables. A única alternativa que nos dá a España “democrática” do “benestar” é a mesma que lle deu o franquismo aos nosos pais e avós; a emigración.

Pero as similitudes entre Spiderman e a sociedade española non rematan aquí. Spíderman tiña que loitar contra todos os malos el só, ninguén lle axudaba, é máis a sociedade o rexeitaba, porque os medios de comunicación o puñan a pan pedir.

O 15 de Maio de 2011 a xuventude española saíu a rúa a protestar pola actual situación económica e política. Así naceu o 15M.

Dende o seu inicio, este movemento tivo que facer como Spíderman e loitar contra tódolos malos; un sistema democrático que non é democrático, políticos que non nos representan, corruptos, banqueiros avariciosos que votan á rúa familias enteiras, reformas que nos quitan dereitos que á sociedade lle custou acadar décadas e mesmo séculos, unha xustiza que é de todo menos cega…

E a pesares de que a loita deste movemento é nobre, ao igual que lle sucedía a Spiderman, os medios de comunicación ou o ignoran ou o poñen a caldo; que se non saben o que queren, que se son violentos, que se son uns vagos, uns perroflautas…

Por se isto non fora pouco, o 15M, en certo modo, tamén está só. Recordo que cando este movemento comezou a súa andaina, moita xente se me achegaba nas prazas e me dicía; “Xa era hora de que fixerades algo”. Como que fixérades algo? Será que fagamos algo. Ou acaso non somos todos cidadáns no mesmo barco? Claro, é que eu teño superforza, sentido arácnido e voto telarañas polas mans e a persoa que me dicía isto non.

E a cousa non acaba aí. Despois de ter organizado múltiples manifestacións e concentracións en contra de todo tipo de inxustizas, tamén hai xente que critica ao 15M porque non fai o que eles consideran que debera facer; “En tal sitio está pasando tal cousa, onde estades os do 15M que non se vos ve facer nada?”, “En varias cidades van facer tal protesta. E vos que ides facer aquí?”

A ver, Spiderman era un tipo con superpoderes, pero o 15M está formado por xente normal, coma ti. Xente que estudia, traballa ou intenta traballar. Xente cos mesmos problemas e limitacións ca ti, e sobre todo, xente que fai o que fai gratis… que non somos nin un sindicato nin un partido político. Como pode ser que a sociedade lle pida ao 15M o que non lle pide aos seus dirixentes, que cobran un pastón por… vendernos?

E ti que fas? Por que en lugar de pedirlle a outro cidadán que se mova máis, non te moves ti con el? O 15M é un movemento aberto que está esperando que máis xente se lle una. Por exemplo, algo que nunca entenderei, é que agora mesmo, participando activamente no 15M, só esteamos 4 parados. Onde están tódolos demais? Esperando a que Rajoy lles solucione a papeleta?

Pero aínda queda outra similitude máis con Spíderman. Cando Peter Parker adquiriu os seus poderes, puido deter a un ladrón, pero non o fixo porque aquilo non lle afectaba. Esa mesma noite ese ladrón matou ao seu tío.

Á sociedade española pásalle igual; “Mentres non me afecte, non me movo”. O problema, é que cando che afecte, xa non terá remedio.

O tío de Peter Parker díxolle unha vez; “Todo poder conleva unha gran responsabilidade”.

Cada un de nós ten o poder de cambiar a sociedade, como mínimo a sociedade que nos rodea. Pénsao a próxima vez que te sentes cómodamente diante dunha televisión que a diario che di que cada vez tes menos dereitos.

Willy Soliña.