Bloque crítico 15-M: Comunicado de apoio á folga xeral.

Posted on 28 marzo, 2012 por

7


SELLO


O movemento cidadán 15M Pontevedra chamamos á mobilización e á folga xeral e de consumo do día 29 de Marzo a todos os traballadores e traballadoras, pero tamén aos parados, aos estudantes, os que sobreviven con contratos temporais…Por que?

Porque aqueles que un día foron os responsables da crise son os que agora deciden como saír dela. Porque se nos fai crer que a solución virá duns santificados recortes. Recortes dos servizos públicos, recortes dos dereitos dos traballadores. Recortes que afectan aos que traballamos e aos que non podemos facelo, aos que estamos embaixo, aos que somos o 99%. O resultado: a conversión de todo en simple mercadoría. Incluídas as nosas propias vidas.

Agora afrontamos unha reforma laboral que supón a venda absoluta da dignidade dos traballadores constituíndo a volta atrás máis fulminante da historia recente. Unha reforma que define como despido procedente aquel que desexe o empresario: por exemplo se o empresario prevé perdas ou se o traballador incorre en máis de 8 días de baixa xustificada durante dous meses. Unha reforma pola cal se lapida o convenio colectivo (o empresario poderá cambiar horarios, reducir salarios e horas de traballos só coa súa decisión). Unha reforma que condena á xuventude a contratos chamados de “formación e aprendizaxe”  que non son máis que contratos laborais con salario menor que o mínimo interprofesional. Unha reforma que crea un novo tipo de contrato indefinido con despido de balde tras un ano de contrato. Esta é unha reforma que condena á morte os dereitos de todos. Polo tanto debemos seguir esta folga xeral. Debemos loitar porque a situación cambie.

Os sindicatos como únicos competentes para convocar unha folga xeral fixérono o pasado 9 de marzo. Máis alá do descrédito conseguido polas cúpulas sindicais nos últimos tempos, pensamos que debemos unirnos a esta folga xeral. Debemos unirnos máis aló de que a praxe sindical fose máis que cuestionable nos últimos tempos. Porque apoiar a folga non significa apoiar a actuación sindical.

Apoiar a folga significa loitar polo noso e polo dos nosos fillos. Significa un paso máis, decisivo, para afrontar unha situación que non fai máis que empeorar, que precarizar as nosas vidas, asfixiándonos. Asfixiando a ese 99%. E quédanos algo máis que facer que afogarnos, que corroborar que a soga que nos afoga é forte. Quédanos conseguir o triunfo dunha folga xeral que debe ser a manifestación de que ese 99%, os traballadores menoscabados, podemos facer algo máis que esperar a nosa asfixia.

Que imos loitar e nos unimos todos para conseguilo. Que romperemos coas ataduras e o 29 de marzo desfaremos a primeira. Porque non só nos xogamos os dereitos laborais, xogámonos o dereito a ter dereitos. O 29 de marzo temos a oportunidade de acabar coa primeira soga de moitas.

Porque debemos poñernos en pé e loitar por liberarnos…

Da soga que aprisiona os servizos públicos.

Da que nos silencia nunha democracia de papel que non nos representa.

Da que nos mantén desprotexidos ante os abusos da banca.

Da que asasina os nosos dereitos.

O 29 de marzo TOMA A FOLGA, TOMA A RÚA!

¡CONTRA A REFORMA LABORAL E POLO ESPERTAR SINDICAL!