As Fragas do Eume cóntanos a súa historia, por Willy Soliña

Posted on 3 abril, 2012 por

8



Ola. Son esa paraxe á que chamades “Fragas do Eume”. Probablemente moitos xa me teñades visitado, pero despois deste fin de semana, seguro que xa todos escoitastes falar de min.

Son un bosque atlántico de ribeira no que habitan moitas especies de árbores que noutro tempo conformaban a paisaxe galega; carballos, abeleiras, pradairos, bidueiros, espiños, acevos, ameneiros, érbedos, sanguiños, freixos, loureiros, cerdeiras, salgueiros, sabugueiros, lamigueiros… pero tamén moitas outras plantas como narcisos, verónicas, violas, lirios, codesos, xestas, brezos, queirugas, merendeiras e un longo etcétera.

Podes imaxinarte a cantidade de animais que atopan refuxio en min alimentándose de toda esta diversidade vexetal? Píntegas, corzos, garduñas, xenetas, teixugos, vacalouras, ducias de especies de aves… e moitos outros que, por desgracia, xa non é habitual vexas cando saes da casa.

Pero polo que realmente son famoso, é porque son un dos últimos bosques con estas características situado na costa. Fai moito tempo, os bosques coma min eramos moi habituais en Galicia e en toda Europa… agora xa practicamente só quedo eu.

O feito de que sexa un bosque atlántico pegado á costa e atravesado por un río, fai de min un bosque moi húmido, o cal me converte nun paraíso para os fentos. A toda a diversidade da que antes che falei, engádelle decenas de especies de fentos, algunhas delas pouco habituais, tan pouco habituais como non son desta era. En min viven tres especies de fentos que serviron de alimento aos dinosauros!!!; Culcita macrocarpa, Vandelboschia speciosa e Woodwardia radicans. Sóanche? Xa, é que non xogan ao fútbol.O único que fixeron foi sobrevivir máis de 65 millóns de anos.

A primeira vez que vin a un ser humano, viu a min a pedirme recursos… e eu deillos; madeira para a construción, leña para quentarse no inverno, comida para eles e os seus animais, caza… Durante miles de anos vivín en paz convosco… sentíame querida e respectada.

Pero nos últimos séculos as cousas mudaron. Agora parece que as fragas coma min xa non somos necesarias, é máis, mesmo parece que molestamos. A proba está en que xa case son a última.

Aínda así, en 1997, púxenme moi contenta, porque me destes o título de parque natural. Iso quería dicir que vos importaba, que a partires dese momento me iades coidar. Dende entón, miles de persoas, que simplemente gozan da miña existencia, me visitan anualmente.

Pero algo non vai ben. Non vos entendo. Nos últimos anos non paro de escoitar aos vosos gobernantes dicir que queren establecer en min unha explotación mineira.

Onte escoitei ao voso presidente dicindo que a persoa que me prendeu lume era un terrorista ambiental. E os que queren perforarme cunha das industrias máis contaminantes que existe, non o son?

Para que me declarades parque natural, se ao día seguinte me queredes matar? Non entendo o voso concepto de zona protexida. Declarades como zonas protexidas lugares que non vos serven para nada, ata que lle atopades unha utilidade. Como Cabo Touriñán.

Señor presidente da Xunta, despois de planear construír unha explotación mineira sobre min, a sequía que estamos a sufrir e os poucos medios que vostede pon para apagar os lumes forestais, en serio lle sorprende, que xusto agora, alguén me prenda lume? Máis lle vale que cando collan a ese terrorista ambiental do que vostede fala, non sexa unha persoa vencellada á industria mineira.

E a todos vós, ao pobo, só vos pido unha cousa; por favor, non vos esquezades de min cando o lume se apague. Vos necesito.

Evidentemente, estas liñas non están escritas polas Fragas do Eume. Elas non teñen voz, nin se poden defender. Esa labor correspóndenos a nós.

As Fragas do Eume só ocupan 9.000 hectáreas nun planeta moi grande. Pero 9.000 hectáreas que agochan unha enorme biodiversidade, así como un gran legado cultural e unha pequena parte da historia do noso planeta.

En serio a nosa especie é incapaz de conservar unha parcela tan pequena de natureza, cultura e historia? En serio somos tan inútiles? Ou non será que en lugar de inútiles, somos uns hipócritas?

Willy Soliña