Como doe, por Charo Varcárcel

Posted on 4 abril, 2012 por

4



Autor: Universo canario

Entro no Facebook.

Non deixo de ver fotos e mais fotos das Fragas do Eume.

Fotos que amosan a súa beleza en todo o seu esplendor, antes da catástrofe, como o que era…( o que é?) Un dos bosques máis importantes de Europa, un tesouro natural da nosa terra, dos poucos que quedan.

Mais tamén circulan moitas outras fotos que  reflicten a catástrofe: as chamas que devoran sen piedade o que foi fermosa natureza, a cinza que  nos devolve unha imaxe tristemente gris, que rouba o verde que se resiste a abandonar os nosos ollos.

Nalgunhas, debo recoñecer que son as que máis me impresionan, a carón  da terrible imaxe da fraga  arrasada polo lume aparece a figura dunha anciá  cuxo rostro amosa a desolación que transmite a paisaxe.

É difícil describir o que a observación desas fotografías  me provoca.  Porque nelas vexo  a  impotencia e a amargura das súas miradas, o seu xesto de derrota irreparable, como formando parte dese todo desgarrador de vida arrebatada. Están alí a carón de pólas retorcidas e carbonizadas, esparexidas nun chan negro, coma a súa roupa. Loito das almas ante a natureza morta.

Tamén vexo a memoria do que foi, derrotada ante a crúa realidade do que está sendo.

Elas, coma a terra, arrastran en cada engurra unha historia de renuncias irrenunciables.

Ata cando?

Ata cando imos consentir que o máis prezado que temos sexa vítima unha e outra vez de ataques premeditados?

Como doe!
Non podemos ficar calados.
Non podemos limitarnos a observar e aturar a rabia en silencio.
Xa é hora de erguernos e berrar, de esixir.
Non podemos seguir consentindo estas agresións despiadadas contra o medio, estas mostras de cobizosos intereses non tan ocultos que non teñen ningún reparo en levar por diante o que sexa.
Non podemos seguir apoiando a políticos hipócritas que tiran a pedra e esconden a man, que se amosan como vítimas cando no fondo son tan verdugos coma os que plantaron o lume.
Cando ergueremos o pano escuro que cobre os nosos ollos e deixaremos que entre por fin a luz?