Descobre como te afecta a privatización da sanidade

Posted on 5 abril, 2012 por

3


SANIDADE


QUE SE FAI NOS HOSPITAIS DE XESTIÓN PRIVADA?

  • Os hospitais de xestión privada que se están a construír, como o novo hospital de Vigo ou o hospital que o PP planea construír en Pontevedra en Monte Carrasco, son propiedade de bancos, empresas e aseguradoras. As consellerías de sanidade pagan un canon polo uso dos edificios e unha cantidade per capita por asistencia sanitaria. O período da concesión é de 30 anos, pero aos 5, os propietarios xa amortizaron a inversión.
  • Os propietarios subarrendan, abaratando custes, con diferentes empresas: laboratorios, radioloxía, celadores, limpeza, esterilización, cociña, aparcadoiros, etc.
  • Diminúese drasticamente, tanto a cantidade de traballador@s, como as súas condicións de traballo.
  • Selecciónanse pacientes, enviando aos non rendibles (enfermos crónicos, persoas maiores e casos complexos) aos hospitais públicos.
  • Incentívase economicamente aos profesionais para que dean altas precoces, non soliciten probas diagnose ou non indiquen tratamentos custosos.

QUE CONSECUENCIAS TEN?

  • Nos países nos que estas medidas foron levadas a cabo produciuse un descenso na calidade cun aumento da mortalidade. En España non podemos acceder a estes datos, o único que sabemos é que nestes hospitais de xestión privada o número de indemnizacións por “erros médicos”, que se pagan con cartos públicos, é moito maior que nos hospitais de xestión pública.
  • Increméntase o custe da sanidade, que sae dos petos públicos para asegurar os beneficios privados. As comunidades autónomas con máis sanidade privada (Cataluña, País Valenciano e Madrid) son as que máis incrementaron a débeda sanitaria.
  • A sanidade pública deteriórase a pasos axigantados: diminúe o presuposto, péchanse camas, redúcese o cadro de persoal, baixa a calidade da atención e aumentan as listas de espera. Desapareceron programas preventivos e de promoción de saúde: sanidade escolar, planificación familiar, detección precoz de enfermidades, saúde laboral e educación para a saúde.

 QUE QUEREN FACER AGORA?

Coa escusa da crise que o capitalismo creou, lonxe de tomar medidas para evitar gastos inútiles ou elevar os impostos aos ricos, o que os gobernos de tódalas cores decidiron é:

  • Intensificar as privatizacións. En Tarrasa están privatizando os hospitais por servicios, os máis rendibles claro.
  • Diminuír servicios: eliminar camas públicas, peche parcial de centros de saúde, reducir ambulancias (un exemplo témolo en Marín), eliminar prestacións e despedir traballador@s.
  • Vender hospitais e centros de saúde, patrimonio da Seguridade Social, a empresas privadas (acordo PSOE-CIU en xullo).
  • Introducir o REPAGO. Dende xullo en Italia págase 10€ por consulta, 25€ por visita a urxencias sen ingreso, 25€ por consulta a especialista e unha porcentaxe por analíticas e radioloxía. Tamén valoran aumentar un 40% o que pagan os activos por receita e que os pensionistas paguen un 10% das mesmas.

POR QUE PODEN FACER ISTO?

Gracias á LEI 15/97 que di: “A prestación e xestión dos servicios sanitarios e sociosanitarios poderá levarse a cabo, ademais de con medios propios, mediante acordos, convenios ou contratos con persoas ou entidades públicas OU PRIVADAS, nos termos previstos na Lei Xeral de Sanidade”.

Esta lei foi aprobada en 1997 polo goberno do PP e co apoio de PSOE, CIU, PNV e CC. A súa derrogación imposibilitaría a construcción de hospitais públicos de xestión privada.

É INSOSTIBLE A SANIDADE PÚBLICA?

  • O noso gasto sanitario público, medido en tanto por cento do PIB, é dos máis baixos da U.E.
  • É radicalmente falso que se abuse da sanidade. Si se descontan as consultas administrativas, a frecuencia de asistencia aos servicios está por debaixo da media da U.E.
  • Dende o punto de vista estrictamente económico, é cuestión de prioridades:
    • Os 110.000 millóns de euros postos polo Goberno a disposición da banca equivalen a case dúas veces o gasto sanitario.
    • O fraude fiscal, calculado en máis de 90.000 millóns de euros supón unha vez e media o gasto de toda a sanidade pública.
    • A carreira dos gobernos, central e autonómicos, para eliminar impostos aos máis ricos, aos bancos e grandes empresas, xunto aos cartos públicos que se van a gastos militares ou Casa Real, dan idea de onde e a quen non se recorta e de como se constrúe o déficit público.

UN EXEMPLO DA EFICACIA E DA CALIDADE DA SANIDADE PÚBLICA

Entre os pasados días 22 e 25 de novembro, en 42 HOSPITAIS PÚBLICOS se levaron a cabo 94 transplantes de órganos: 53 de ril, 3 de páncreas, 23 de fígado, 1 de intestino, 6 de corazón e 8 de pulmón.

ESTA CIFRA É UN RECORD MUNDIAL, ningún sistema sanitario de ningún país, xa sexa público ou privado foi quen de acadar estas cifras.

Isto só é posible gracias a un sistema público de sanidade con excelentes profesionais que fomenta a solidariedade.

Alguén pensa realmente que isto sería posible nun sistema sanitario privado que fomenta o negocio e a especulación?

    15 DE ABRIL: A MAREA AZUL TOMARÁ AS RÚAS DE TODA ESPAÑA. En Pontevedra saímos ás 18.30 da Alameda.