Os porcos tamén van en barco, por Willy Soliña.

Posted on 16 abril, 2012 por

4


Sin título1


O outro día collín o barco que vai de Cangas a Vigo. Nesa viaxe dúas persoas tiraron ao mar a súa cabicha (“colilla” para os que non falan a miña xerga), e entón fixen números.

Se deixamos a un lado os fins de semana, cada día, de luns a venres, 33 barcos saen de Cangas para Vigo, e outros tantos fan o camiño inverso. En total 66 viaxes ao día, a 2 cabichas por viaxe, sae 132 cabichas que cada día van parar ao mar. Se multiplicamos esta cifra polos 5 días que van de luns a venres temos un total de 660 cabichas á semana, que ao longo dun mes se converten en 2.640 e ao longo dun ano en 31.680… recordo que non estou a contabilizar os fins de semana.

“Bah! Só é unha cabicha e o mar é moi grande”. Isto é o que debe de pasar pola cabeza dos que se paran a pensar antes de tirar a súa cabicha ao mar… a meirande parte deles creo que xa nin se paran a pensalo; o mar é un gran vertedoiro.

Sen embargo, logo todos nos queixamos de que as praias están sucias e lle esiximos á administración pública que as teña esplendorosas cando chega o verán.

Haberá xente que pensará que isto sucede porque as leis o permiten. Tirar lixo ao mar está prohibido e os barcos de transporte de ría teñen varios carteis ben grandes que advirten que non se debe tirar lixo pola borda.

Logo será que as leis non se fan cumprir. Que facemos entón? Poñemos a un policía ao lado de cada cidadán que suba a un barco, para asegurarse de que non tira as súas cabichas ao mar?

O peor, é que isto non pasa só coas cabichas dos usuarios do transporte de ría. O mesmo sucede cando imos pola rúa e tiramos ao chan o folleto dos pesados eses dos “indignados”, ou cando imos no coche e guindamos un papel pola fiestra. A onde vai parar todo iso? A onde cres que o vento e a choiva acaba arrastrando todo ese lixo? Efectivamente, ao mesmo sitio que as cabichas dos barcos; ao mar, o gran vertedoiro da humanidade.

Sabías que ao ano, centos de tartarugas e cetáceos, coma os golfiños, morren esganados polas nosas bolsas do supermercado? Cren que son medusas e as comen.

Vota contas e saberás de onde sae toda esa porcallada flotante que tanto che molesta no verán.

Aquí temos un claro exemplo de como a través da acción individual podemos obter un gran beneficio colectivo.

Se cada un de nós fose responsable e consciente dos seus actos, os políticos non terían que perder o seu tempo, pagado por todos nós, en crear leis que prohiban tirar lixo ao mar, nin se terían que poñen carteis nos barcos, nin habería que estar vixiando a ninguén para que non tirase lixo ao mar, nin tampouco nos gastaríamos os nosos impostos en limpar as praias. Eses cartos podían ser destinados, por exemplo, a fins sociais.

Pois isto mesmo é aplicable a todo o demais. Se todos fósemos responsables e conscientes do que facemos, non iríamos ás urnas a votar ao partido que me cae máis simpático, nin tampouco defraudaríamos impostos, nin permitiríamos que privatizasen a educación e a sanidade, nin estaríamos gobernados por unha panda de mediocres ao servizo das grandes fortunas… En definitiva, se non fósemos tan ruíns, non o estariamos a pasar tan mal.

“O cambio comeza por un mesmo”

“Mañá comeza o resto da miña vida”

 Cambiemos e comecemos a construír un mundo mellor. Non teñamos presa, pero fagámolo. Que tal se comezamos por non tirar unha insignificante cabicha ao inmenso mar?

Willy Soliña.