Manifesto en defensa dunha sanidade pública.

Posted on 17 abril, 2012 por

2


SELLO


Cada vez está máis claro. Calquera esperanza de futuro depende estritamente do que fagamos nós. O que todos os gobernos, sexan do signo político que sexan, están a facer e pretenden facer, resulta evidente.

Co pretexto da crise, o capital, as súas institucións – o Fondo Monetario Internacional, o Banco Central Europeo e a Unión Europea -, e os gobernos ao seu servizo, están a perpetrar un atraco a man armada contra os explotados, ben sexan traballadores, persoas en risco de exclusión social, parados, ou pensionistas.

A coartada da crise estalles a servir para levar a cabo unha transferencia masiva de fondos públicos pertencentes ao conxunto da cidadanía, cara aos monopolios e a gran banca.

É hora de que nos decatemos de que a gran destrución de empresas, de postos de traballo e de servizos públicos, non é a consecuencia da crise, senón o obxectivo das súas políticas. A súa finalidade é a eliminación masiva de empresas non competitivas e de dereitos laborais e sociais, para proceder a unha concentración de capital sen precedentes. O xigantesco exército de reserva de traballadores desesperados e sen organización, serán quen garanta o escenario necesario para a súa recuperación, a través de salarios de miseria, sen dereitos laborais, e sen servizos públicos que merezan tal nome.

O actual sistema depredador, lonxe de conformarse coa acumulación de riqueza en mans dunha pequena oligarquía que xera precariedade na maioría, afondou no espolio, e puxo os seus ollos nos servizos públicos como negocio. Se non o impedimos, sanidade, educación e os demais servizos sociais converteranse nunha presa máis dos “sacrosantos” mercados.

Non cabe dúbida ningunha de que todas as “reformas” que dende hai anos viñeron introducíndose na xestión e na prestación da sanidade pública, foron dirixidas á derivación de recursos a empresas privadas, buscando, dese xeito, aumentar o seu volume de negocio. Desa forma, os gobernos tanto centrais coma autonómicos de distinto signo político, foron desmantelando e deteriorando a sanidade pública, infra presupostándoa aínda en tempos de bonanza, introducindo “novas formas de xestión”, e aumentando ata o disparate os concertos privados externos. Todo iso, convenientemente aderezado coas necesarias modificacións lexislativas, tanto a nivel estatal como autonómico, que viñeron outorgando ao proceso o necesario marco legal.
Para iso contaron coas grandes burocracias sindicais, debidamente sobornadas, pois aceptaron a lóxica da competitividade, na que eles gañan moito mentres que a nós só nos deixan algunhas fragullas. Mantiveron un silencio cómplice mentres se privatizaba todo o público, e pactaron unha contrarreforma tras outra coa xustificación do mal menor. A todos estes actores necesarios, hai que engadir o silencio cómplice e a manipulación duns grandes medios de comunicación prostituídos e comprometidos cos intereses empresariais.

Este escenario de control social do malestar e a indignación popular, estase a esgotar. A última folga xeral mostrou que malia o descrédito das grandes centrais sindicais e á enorme lousa da precariedade, cada vez máis sectores do movemento obreiro, parados, excluídos, movementos populares, ecoloxistas, feministas e un longo etc.; entenden que a loita é o unico camiño coherente, e mostran inequívocamente, a necesidade de articular, organizar e potenciar a movilización social.

En 1997 a maioría do Congreso (coa excepción de IU e BNG), aprobaban a que vai ser a “pedra angular da privatización”, a Lei 15/97 de habilitación de novas formas de xestión do Sistema Nacional de Saúde, norma que plasma unha das principais recomendacións da Comisión Abril Martorell, que consiste en separar o financiamento público da provisión de servizos para mellorar a súa eficiencia, establecendo que todo hospital, centro socio-sanitario ou centro de saúde, poda ser xestionado por calquera tipo de entidades existentes en dereito; é dicir, que permita a entrada masiva da empresa privada directamente na xestión e provisión de servizos, financiados con diñeiro público, para explotalos como un negocio máis.

Máis recentemente asistimos a probas irrefutables da colaboración PP-PSOE no proceso de privatización sanitario, e para mostra, os seguintes exemplos:

  • En Madrid, concellos coma o de Parla, Aranjuez ou Villalba, gobernados polo PSOE cederon gratuitamente terreos ao PP para a construción de hospitais segundo o modelo de iniciativa de financiación privada (PFI). Este modelo, é exactamente o mesmo que se formula en Montecarrasco, e polo que agora, na oposición, poñen o grito no ceo.
  • En Cataluña o propio PSC-PSOE, gobernando con outros grupos de “esquerdas”, utilizou o mesmo modelo de hospital en Baix Llobregat, e mesmo aprobou a Lei de Reforma do Instituto Catalàn de Saúde, que converteu a este organismo que, ata ese momento, fora entidade xestora da Seguridade Social, nunha empresa pública suxeita ao dereito privado.
  • En Baleares tamén o PSOE, gobernando con IU e o Partido socialista de Mallorca (PSM), abriu hospitais do mesmo modelo de financiación privada que se critica en Madrid, Valencia ou aquí, en Galicia.
  • En xullo de 2011, aproveitando a tramitación parlamentaria da Lei de Reforma da Seguridade Social, e a instancias de CIU; o PSOE, aproba unha emenda que permite o espolio do patrimonio inmobiliario da Seguridade Social, e a entrega da súa propiedade ás CCAA, que poderán dedicalo a fins non sanitarios, vendelo, realizar especulacións inmobiliarias,etc; é dicir, legalízase a privatización das infraestruturas.

Por último, e de novo seguindo unha das máis claras recomendacións da Comisión Abril Martorell, distintas CCAA especulan coa introdución de copagamentos, tanto na súa versión máis tradicional (é decir, mediante o pagamento dunha cantidade antes da obtención dun servizo), como en versións que buscan o encubrimento de tamaño desatino, vésaxe os tiques moderadores para evitar os abusos; as taxas por cada receita dispensada ou para a obtención ou renovación das tarxetas sanitarias; aumentar a porcentaxe farmacéutica en función da renda; o cobramento dos servizos hostaleiros nos hospitais, tanto no servicio de comida coma para o aseo ou a cadeira do acompañante.

Finalmente, como anunciou o Goberno tramposo de Rajoy, elaborarase unha carteira básica de servizos para todos os cidadáns, a través dunha Lei de Servizos Básicos. Esta lei esixirá que todas as Administracións nos seus presupostos, distingan os gastos correspondentes a servizos públicos básicos daqueles que non o son. Á vista do cal, non parece desatinado deducir que determinados servizos e prestacións serán excluídos da gratuidade do Servicio Nacional de Saúde, sendo necesaria unha póliza complementaria de seguro privado para a súa cobertura. E todo iso, como non podía ser doutra forma, no noso benquerido réxime democrático e participativo, o presidente do Goberno afirmaba o seguinte: “Dende o ámbito estatal, e no marco das nosas competencias, formularemos un Pacto pola Sanidade con todos os partidos políticos, Administracións Públicas e profesionais implicados”. Sobre este pacto só podemos dicir, que pactar hai moito que se vén pactando e as consecuencias á vista están. Non podemos ser tan inxenuos como para volver caer na mesma trampa.

A progresiva degradación da sanidade pública, xunto á entrada masiva do capital na xestión privada de antigos e novos hospitais, da atención primaria e da atención socio-sanitario, botan un saldo cotián de ínfima calidade na atención sanitaria e de mortes perfectamente evitables, que son ocultadas sistemáticamente.
Os recortes en servizos e persoal tradúcense nunha precariedade crecente dos servizos públicos que son á vez, o resultado e o complemento necesario dos miles de millóns euros que van parar a concertos, servizos subcontratados e financiamento público da xestión privada. A eliminación dos servizos preventivos, a mala calidade da atención – entre a que destaca o deterioro crecente dos servizos de saúde mental, cando a taxa de suicidio é xa a primeira causa de morte en determinadas idades -, xunto ao paro masivo e a precariedade, constitúen causas directas de aumento da enfermidade e a morte.

As recentes declaracións do Ministro de Economía a un diario alemán indican que están dispostos a atacar duramente a sanidade. Anunciou recortes drásticos de persoal, moito máis do que xa están a facer, a introdución do repagamento farmacéutico e a diminución das prestacións básicas e comúns do Sistema Nacional de Saúde, ademáis dun recorte adicional de 10,000 millóns de euros. A xustificación de que o repagamento farmacéutico só sería para as rendas máis altas é inadmisible por dúas razóns:

  • Por un lado, porque calquera medida orientada a aumentar o re-pagamento restrinxido sería a antesala para logo xeneralizalo.
  • Por outro, porque o que teñen que facer as rendas máis altas é pagar impostos que realmente graven a riqueza e non amnistiar os evasores.

Estamos convencidos de que é mentira que a sanidade, a educación e os servizos sociais públicos sexan insostibles.

–  Primeiro, porque a débeda das CC.AA., é o resultado directo da privatización que pretenden enxaugar con máis recortes e máis privatizacións, e dunha corrupción masiva, política e empresarial da que só emerxe o cume do iceberg.

–  Segundo, porque os centos de miles de millóns regalados á banca privada e aos grandes monopolios, o descomunal fraude fiscal cifrado en mais 70,000 millóns anuais, e a rebaixa permanente de impostos que dende hai décadas, vén baleirando as arcas públicas, ao que hai que engadirlle, o escándalo da amnistía fiscal, os criminais gastos militares ou as transferencias de fondos públicos á Igrexa Católica e á Casa Real, que servirían para financiar varias veces uns servizos públicos de calidade.

– Terceiro, porque o gasto social público do Estado español se sitúa, dende os anos 80, á cola da UE, sendo dun 8% do PIB inferior á media.

Fronte a todo este espolio e este crime cotián que milleiros de persoas sofren en silencio, nós dicimos que HAI ALTERNATIVA e esiximos:

  • A derrogación da Lei 15/97 de novas formas de xestión.
  • Un financiamento suficiente e finalista.
  • Non ao copagamento (repagamento), nin á implantación de taxas ou tiques moderadores.
  • Non a ningunha nova Lei de Servizos Básicos que distinga entre prestacións básicas e complementarias.
  • Non ao espolio do Patrimonio da Seguridade Social, cuxos únicos titulares son os traballadores.
  • Non á desgravación fiscal dos seguros sanitarios privados.
  • O rescate dos centros e servizos xa privatizados e externalizados.
  • A integración de todas as mutualidades de funcionarios na sanidade pública (Muface, MUGEJU, ISFAS) e que as Administracións Públicas teñan prohibido subscribir pólizas colectivas de seguros privados para os seus traballadores.
  • Que a información sanitaria sexa pública e se democratice a toma de decisións, existindo unha participación real de usuarios e traballadores na xestión sanitaria.
  • Esiximos un sistema de incompatibilidades no Sistema Nacional de Saúde.
  • Esiximos responsabilidades penais ante toda decisión privatizadora que supoña, por acción ou omisión, o deteriorio da Sanidade Pública ou que provoque o aumento da mortalidade na poboación.                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                     Ante a degradación progresiva dos servizos públicos, as privatizacións crecentes e os brutais recortes que se anuncian, urxe promover organizacións unitarias que impulsen, potencien e coordinen a resposta social.

 Aos movementos populares, ás organizacións sindicais, políticas e sociais, xunto a todas as persoas con conciencia da barbarie do que nos preparan, todos os aquí reunídos, con vontade de impedilo e determinación de construír unha sociedade na que os seres humanos sexan donos da riqueza, da técnica e dos recursos naturais, tócanos organizar unitariamente o poder da inmensa maioría.

Dende o movemento cidadán 15-M Pontevedra, queremos defender paso a paso, loita a loita, os servizos públicos en cada barrio, en cada pobo, gañar as conciencias dos que aínda non teñen información dabondo ou dos que no seu illamento aceptaron a derrota, por elo precisamos multiplicar a nosa organización, de xeito independente e autoxestionada, para garantir a nosa independencia do poder, pois éste é o único camiño razoable.

Pola xustiza, pola dignidade e, sobre todo, por sentido común:

A NOSA SAÚDE NON É UN NEGOCIO!!!!!

 En Pontevedra, a 15 de abril de 2012.