Bloque crítico 15M: comunicado 1º de maio.

Posted on 1 mayo, 2012 por

2


564216_285584144863539_110343642387591_644543_1089369363_n


O movemento cidadán 15M Pontevedra chamamos á mobilización ciudadana no día de hoxe a todos os traballadores e traballadoras, pero tamén aos parados, aos estudantes, os que sobreviven con contratos temporais…Por que?

Porque aqueles que un día foron os responsables da crise son os que agora deciden como saír dela. Porque se nos fai crer que a solución virá duns santificados recortes. Recortes dos servizos públicos, recortes dos dereitos dos traballadores. Recortes que afecta aos que traballamos e aos que non podemos facelo, aos que estamos embaixo, aos que somos o 99%. O resultado: a conversión de todo en simple mercadoría. Incluídas as nosas propias vidas.

A coartada da crise estalles a servir para levar a cabo unha transferencia masiva de fondos públicos pertencentes ao conxunto da cidadanía, cara aos monopolios e a gran banca.

É hora de que nos decatemos de que a gran destrución de empresas, de postos de traballo e de servizos públicos, non é a consecuencia da crise, senón o obxectivo das súas políticas. A súa finalidade é a eliminación masiva de empresas non competitivas e de dereitos laborais e sociais, para proceder a unha concentración de capital sen precedentes. O xigantesco exército de reserva de traballadores desesperados e sen organización, serán quen garanta o escenario necesario para a súa recuperación, a través de salarios de miseria, sen dereitos laborais, e sen servizos públicos que merezan tal nome.

O actual sistema depredador, lonxe de conformarse coa acumulación de riqueza en mans dunha pequena oligarquía que xera precariedade na maioría, afondou no espolio, e puxo os seus ollos nos servizos públicos como negocio. Se non o impedimos, sanidade, educación e os demais servizos sociais converteranse nunha presa máis dos “sacrosantos” mercados.

Agora afrontamos unha reforma laboral e uns recortes sociais que supoñen a venda absoluta da dignidade dos cidadáns, constituíndo a volta atrás máis fulminante da historia recente.

Os sindicatos como únicos competentes para convocar unha folga xeral fixéronno o pasado 29 de marzo. Máis alá do descrédito conseguido polas cúpulas sindicais nos últimos tempos, pensamos que debemos unirnos a estas convocatorias de manifestación. Debemos unirnos máis aló de que a praxe sindical fose máis que cuestionable nos últimos tempos. Porque apoiar a manifestación non significa apoiar a actuación sindical.

Este escenario de control social do malestar e a indignación popular, estase a esgotar. A última folga xeral mostrou que malia o descrédito das grandes centrais sindicais e á enorme lousa da precariedade, cada vez máis sectores do movemento obreiro, parados, excluídos, movementos populares, ecoloxistas, feministas e un longo etc.; entenden que a loita é o unico camiño coherente, e mostran inequívocamente, a necesidade de articular, organizar e potenciar a movilización social.

Apoiar as manifestacións significa loitar polo noso e polo dos nosos fillos. Significa un paso máis, decisivo, para afrontar unha situación que non fai máis que empeorar, que precarizar as nosas vidas, asfixiándonos.

Ante a degradación progresiva dos servizos públicos, as privatizacións crecentes e os brutais recortes sociais que se anuncian, urxe promover organizacións unitarias que impulsen, potencien e coordinen a resposta social.

Aos movementos cívicos, ás organizacións sindicais, políticas e sociais, xunto a todas as persoas con conciencia da barbarie do que nos preparan, todos os aquí reunídos, con vontade de impedilo e determinación de construír unha sociedade na que os seres humanos sexan donos da riqueza, da técnica e dos recursos naturais, tócanos organizar unitariamente o poder da inmensa maioría.

Dende o movemento cidadán 15-M Pontevedra, queremos defender paso a paso, loita a loita, os servizos públicos en cada barrio, en cada pobo, gañar as conciencias dos que aínda non teñen información dabondo ou dos que no seu illamento aceptaron a derrota, por elo precisamos multiplicar a nosa organización, de xeito independente e autoxestionada, para garantir a nosa independencia do poder, pois éste é o único camiño razoable.

Pola xustiza, pola dignidade e, sobre todo, por sentido común:

CONTRA OS RECORTES SOCIAIS E POLO ESPERTAR SINDICAL!