A Federación Teucro premia a labor do 15M en Pontevedra, por Sabela Vilar

Posted on 15 mayo, 2012 por

1


IMAG0604


A federación agradece ao movemento “polo soño que nos trouxeron de que o cambio do mundo é posible”,  de “procurar saídas aos novos” e “espertar conciencias nunha cidade  adormecida que carece de cauces de participación cidadá”.

A entrega do terceiro premio que a Federación Teucro outorga á labor cidadá recae este ano no colectivo cidadán Indígnate Pontevedra. O premio será recollido por unha militante moi activa, Patricia, elixida asembleariamente.

A Federación anuncia este premio coincidindo co aniversario do xurdimento do 15M e pretenden darlle maior solemnidade ao acto que terá lugar o 24 de maio ás 20.00 no Teatro Principal coa actuación da artista Marta Quintana.

O evento dará comezo coa actuación de Quintana, que dará logo paso a unha pequena reflexión de Domingos Antón, membro da comisión cultural da federación, sobre o 15M e movementos coma o ecoloxismo, a comuna de París, o movemento veciñal ou o feminismo. A continuación darase lectura do acordo da Federación Teucro de outorgar o premio a Indígnate Pontevedra que recollerá Patricia e finalizará de novo coa actuación de Quintana.

Xosé Luis Vidal agradeceu a colaboración desinteresada de Antón Sobral e Domingos Antón na comisión de cultura e salientou o aire fresco que o 15M trouxo a esta cidade, poñendo luz pública ao que pensamos os cidadáns. “Un traballo espontáneo e independente que a universidade non é quen de facer e que desminte que a xuventude estea perdida”.

O presidente da federación, Miguel Vilacoba, agradeceu pola súa banda a colaboración do Concello co evento así como a importancia de recoñecer o traballo imprescindible de cidadáns anónimos. Mentres, Antón Sobral destacou o ambente festivo que terá o acto para que os asistentes desfruten do 15M e do espectáculo da artista Marta Quintana. “O 15M propón unha reflexión que é boa para todos”.