Discurso de agradecemento. Acto de entrega do III Premio Cidadán da Federación de veciños Teucro ao 15-M.

Posted on 24 mayo, 2012 por

8


DSC09007


En nome dos que compoñemos o Movemento cidadán 15M- Pontevedra quero agradecer, o Terceiro Premio Cidadán que tivestes a deferencia de outorgarnos.

O aspecto que máis apreciamos deste recoñecemento ao noso traballo, é que fora concedido por unha federación de veciños, é decir, por persoas que coñecedes moi ben a realidade desta tarefa, o moito que ten de traballo continuo e calado, impulsar a participación cidadá e crear opinión na nosa cidade. Por iso, este premio ten para nós un notable e sentido valor.

Aceptámolo con profunda gratitude, pois temos plena conciencia do que vale, e ben sabemos que este premio non é exclusivo de quen colabora activamente neste movemento, senón que pertence a  tódolos pontevedreses que se mobilizaron neste último ano na nosa cidade. Nos tempos difíciles que vivimos, que un grupo de cidadáns anónimos reciba unha distinción como esta, é en si un motivo de agradecemento. Sentimos este premio como o recoñecemento ao traballo que levamos a cabo un bo número de persoas concienciadas, perplexas e indignadas ante o panorama político e económico que levamos padecendo os últimos anos. A leña levaba acumulándose meses con noticias de recortes sociais, dilapidacións económicas e promesas incumpridas, e o vento que avivou as chamas, foron as redes sociais.

 O 15-M xorde ao albor da primavera árabe que se vivía en Exipto, vertebrouse a toda velocidade e por todo o país, xerando de forma espontánea, o nacemento dun movemento cívico, en base a unha metodoloxía asemblearia, unha organización horizontal, apartidista, e distanciado de calquera sigla. Pontevedra, inicia a súa andaina en maio de 2011 cando, asombrados e ilusionados, vimos como os nosos veciños se sumaban de forma decidida ás multitudinarias concentracións nas principais prazas do noso país, entre elas, o epicentro da protesta: a porta do Sol.

Como unha pota a presión que se destapa tras varios anos de efervescencia contida, empezaron a xermolar un aluvión de ideas que, ata o momento, se viran marxinadas a discusións entre amigos, ou aínda peor, que estaban ocultas nun canto das mentes e os corazóns individuais. Da seca pasouse á chuvia de ideas e desta, a unha tempestade innumerable de propostas. Foi entón cando comezamos a organizar este caos, e a establecer unha serie de acordos de mínimos, buscando resaltar aquelas propostas que tiveran amplo consenso. Cada xornada do mes de maio, éramos máis persoas na rúa, sendo a aceptación por parte da cidadanía, a que puxo os cimentos do que logo pasaría a denominarse Movemento cidadán Indígnate-Pontevedra.

Catro son os logros incuestionables do 15-M no ámbito estatal:

  • Incluir na axenda política a dación de pagamento.
  • A obriga de facer público o patrimonio de deputados e senadores.
  • E poñerlle cara aos desafiuzamentos.

Pero este movemento, conseguiu un cuarto logro fundamental, xa que, ademais dun movemento de protesta, o é tamén de proposta, e contribuíu a revitalizar o debate democrático, sendo un auténtico sopro de aire fresco nas prazas públicas, onde temos a marabillosa experiencia de atoparnos cos nosos veciños, compartir, desenvolver e discutir proxectos para o ben común, fomentar a actitude crítica entre os asistentes, e para decidir accións sobre o territorio que habitamos, a nosa cidade. E iso Pontevedra, fíxoo moi ben: oito manifestacións, infinidade de charlas informativas, concentracións, creación de espazos de información e debate, colaboracións activas con outras entidades e asociacións da cidade, que converteron ao 15-M nun axente dinamizador da nosa sociedade.

Como persoas libres e voluntarias que reivindicamos a dignidade e a conciencia social, estamos unidos, ante todo, por unha vontade de cambio, cara unha sociedade que de prioridade á vida por enriba dos intereses económicos e políticos, por elo, é necesaria unha revolución ética. Todos estamos a loitar para que a sociedade teña o cambio que nós e os nosos fillos necesitan e merecen: unha vida digna nun ámbito social, político e económico que se adecúe ás nosas necesidades, e non ás esixencias da banca e das grandes corporacións financieiras.

Queremos ás persoas e a terra na que vivimos por enriba dos intereses económicos. Non queremos políticos corruptos, nin queremos que os nosos representantes esquezan o pobo, aceptando sen criterio, leis e reformas que atentan contra os dereitos máis básicos do ser humano, como son: a vivenda, a educación, o traballo e a saúde.

Queremos crear un sistema máis xusto, onde o ser humano sexa o máis importante, rompendo co conformismo que tanto dano nos fixo, facéndonos vítimas da desinformación, da manipulación mediática e do actual sistema económico. Estamos convencidos de que este é o momento, polo que necesitamos estar máis espertos, máis inconformistas, e máis unidos que nunca.

Temos o deber de seguir adiante; que as nosas voces, ignoradas polos medios e os políticos, se escoiten en todos os cantos do mundo. Sabemos que isto é longo e difícil, polo que debemos enfrontarnos a un sistema que nos abandonou nas mans egoístas, incoherentes e ambiciosas dun capitalismo brutal, que provocou no mundo a crise e, á súa vez, o espertar das nosas conciencias. Por iso, o verdadeiramente transcendental é resolver a tarefa de facer política dende abaixo. Isto non só implica centrar as demandas cidadás, senón canalizar as expectativas diversas da poboación, non para constituírnos como representantes do pobo, senón que o reto reside en aprender a actuar políticamente como multitude, para provocar un profundo cambio na forma de facer política.

Cremos que debemos seguir axudando a descubrir e compartir os motivos de indignación da xente. Tal e como explica Hessel no seu libro Indiganaos, onde nos invitan a “que atopemos ese motivo de indignacion que nos faga sentir vivos.” Sen dúbida, esta exteriorización e posta en común foi un dos factores que levou a que o 15-M gozase de lexitimidade e concorrencia.

Outro camiño a explotar é o de seguir colaborando activamente en plataformas que nos permitan articular a nosa loita coa de outros colectivos, posto que estes espazos non poden quedar na esfera do individual, senón que deben combinar ca suma de experiencias dende diferentes ámbitos, para conseguir un movemento verdadeiramente plural.

O noso papel debe centrarse en ir tecendo lentamente un armazón social, fragmentado por anos de desesperanza e confort. É dicir, en lugar de asumir a tradicional fórmula de transformar a sociedade a partir da acción do Estado, cambiar a perspectiva e asumir a longa e paciente tarefa de modificar o actual estado de cuestión organizando a sociedade. E cando alguén nos atope tecendo pacientemente aquí, en Pontevedra, en Málaga, en Sol ou en calquera punto do país, entón, poderemos dicir que “imos lentos porque pensamos chegar moi lonxe“.

Somos o presente pero vémonos con futuro pois isto, só acaba de empezar, sen utopías, cos pés no chan e o berro no ceo. Seguimos tendo numerosos cabalos de batalla: o paro, a privatización dos servizos públicos e a loita contra a corrupción, son sen dúbida os inimigos a bater. En momentos de crise non se poden recortar os dereitos sociais e culturais que enriquecen e protexen a unha cidadanía, que debe afrontar os retos que se aveciñan con máis formación, reflexión, debates e novas ideas. Sabemos que estes son tamén os vosos obxectivos como federación veciñal, polo que tedes toda nosa axuda e apoio para canto sexa de utilidade.

Moitas grazas a todos por este Premio, que para nós constitúe xa un auténtico tesouro.

Este recoñecemento é polo esforzo dos meus compañeiros aquí presentes, dos que non puideron vir, e dos que seguen connosco no recordo.

Con profundo cariño, queremos dedicarllo á memoria do noso compañeiro Fernando Bandín.

Moitas grazas e ata sempre.