LEXITIMIDADES E OUTRAS BLASFEMIAS. Por Iria MVal.

Posted on 2 octubre, 2012 por

1


constitu-1


O estado ten o monopolio da forza.

O estado ten que defender a súa lexitimidade de ataques externos. É de manual. É a definición do sistema no que vivimos.

A diferenza entre violencia e uso lexítimo da forza está en que este último reside nas forzas -como o seu nome indica- da orde do estado.

E iso último é o que nos estraña, polo que botamos as mans á cabeza e berramos contra os animais que baten na xente que “non fixo nada”, “que non é violenta”.

O problema, dende o meu punto de vista, deste estado, deste sistema en definitiva, é que non lle gusta definirse como o que é. Atopa escusas baratas para empregar esa forza, como que aqueles eran violentos ( os que ao final son propios infiltrados), etc.

Non nos enganemos. O que ocorreu estes días non é unha barbaridade ou unha neglixencia. Non é que teñamos a sádicos violentos dentro desas forzas da orde ( que tamén). O caso, a razón última é que é o que deben facer: defender ao sistema mediante o uso da forza.

Unha multitude preto da institución que fundamenta todas as demais mentiras do sistema cuestiona a súa lexitimidade. É evidente que esta ten que responder.

Ten que anular as voces que a queren destronar ou que polo menos poñen en cuestión algunha das súas bases.

Durante  anos tentou anular esas voces con armas silandeiras, abocándonos a vivir nunha sociedade na que os nosos maiores problemas terían que ser que modelito mercar nas rebaixas. Algo que non só distrae ao individuo senón que á vez da de comer ao sistema. Ao sistema CAPITALISTA, sen máis. Disfrazado con mil fermosos adornos, pero que non é máis que iso, capitalismo salvaxe.

E vivimos, naquel mundo de consumismo e realidades plastificadas que chegaban á nosa pel a través da luz multicolor, resplandecente e atractiva do televisor. Mentres esas cuestións importantes, como o rumbo que leva a nosa sociedade, eses molestos quebradeiros de cabeza solucionábanse cun cómodo e práctico voto cada catro anos.

Pero a situación mudou e ante a crise (pode que pasaxeira) algúns deses autómatas consagrados á vida de anuncio saíron da súa hipnose.

Poida que só por un segundo (non me gustaría esquecelo), mentres o diñeiro non lle volva chegar para ese segundo coche tan necesario ou para poder traballar menos horas.

Outros xa levan moito tempo fora do embruxo e quizais agora se vexan capaces de loitar dunha vez por todas. Son aqueles que confiaron e confian nunha sociedade baseada noutros valores encomendados a unha educación que agoniza agora.

Dicía que a situación mudou, e xa non é suficiente con engaiolar a paseniño con mensaxes de falsa liberdade representados en anuncios de telefonía móbil nos que a xente viste lustrosas roupas de cores e se bica nos pasos de peóns.

Algunhas persoas, cabreadas tentaron protestar a través ( por outra banda) dos mecanismos que un día o propio capitalismo lles dixera que había: saes á rúa e maniféstate ( iso é o que quedou, un pouso do que fora noutrora a manifestación, unha pequena reminiscencia do que algún día significara).

Xa só sabía a simbolismo, a un paseo triunfante por unha rúa acordoada mentres ondeaban bandeiriñas con siglas que xa ninguén recordaba o que significaban.

Pero agora algo máis cambiou. E a xente dá un paso adiante. E non pide permiso, E achégase cos seus cánticos e soños esbozados en cartón ao sagrado e intocable Congreso “ sede da soberanía nacional”. Entoan outros “soberanía nacional”coa boca chea e a mente baleira. Por que din iso sen sequera saber que diantres significa? Porque repiten coma papagaios?

Hai unha estampa de Castelao que di:

Orador político: yo os juro bajo mi palabra de honor….(risas)

No debuxo temos a un papagaio cunha multitude detrás.

Pobres papagaios! Que mal fixeron para ser tan nefastamente comparados?

Eses papagaios sen plumas nin fermosas cores exáltanse en nome da “soberanía nacional”.E quizais actúen como estúpidos peóns dunha maquinaria que non chegan a entender, ou quizais como repetidores ( conscientes ou non) das premisas fundamentais do sistema.

Pero outros non escoitan, e como diciamos saen do carril, saen das pautas establecidas para que a liberdade que un día lle ofreceron siga a aparentar ser liberdade. E é entón, nese preciso instante, cando teñen que actuar. E faráse mediante o uso da forza.. Que é instrumento LEXÍTIMO que o estado ten para defender a súa estructura.

Así que só digo: estou farta das medias verdades. De falar de que os manifestantes vulneran un sistema democrático, bo, bondadoso, cheo de liberdades cívicas, civís, sociais e calquera outro fermoso adxetivo que se lle ocorra.

Pero tamén estou farta de oír falar de que se está vulnerando a democracia por haber esas bestas que a emprenden a paus con vellos e nenos.

Seguir ese discurso ( dende o meu punto de vista), non é máis que seguir a lexitimalo. A dicir que si, que é bo, aínda que agora estea descarrilado ou que funcione mal por tal ou cal político de turno.

Non o vexo así.

O sistema, o sistema capitalista (non o esquezamos, aínda que pareza un adxectivo vedado, un adxectivo que saben de sobra as connotacións negativas que foi adquirindo) xoga con palabras que nos aprendeu a ter en alta estima: democracia, liberdade, igualdade.

Pero moito antes, paulatinamente, foi baleirándoas de significado.

Que significa democracia nos nosos días?

Simplemente o seu salvoconducto para seguir perpetuándose.

Xa me cansou a defensa dunha parte do capitalismo, ese que dá en chamarse democracia parlamentaria, que simplemente forma o núcleo fundamental para que o sistema, cruel e asasino, poida seguir vivindo.

Hai que saír xa do dobre discurso e afrontar que a construción será dende cero.

Porque qué sinxelo caer nas argumentacións odiosas deses debates televisivos que cheiran a rancio e din, xocosas : “O congreso é votado por todos os cidadáns e estes que saen a rúa son catro”

Xa saíu a colación a DEMOCRACIA! A democracia? O maldito voto de adormecidos? É iso?

Mentres nos sorprenda que se reprima con violencia, con FORZA ,todo acto que lle vira as costas ao sistema, non estaremos entendendo a verdadeira definición do mundo no que vivimos. E sen iso, non poderemos loitar por cambialo, só rasgaremos a voz e a alma por esperanzas vans.

Iria MVal.