Marea Cidadá Pontevedra: Manifesto 23-F

Posted on 24 febrero, 2013 por

1


Logo_MareaCiudadana (1)


Como hai trinta anos, estamos vivindo unha situación de golpe de estado, por máis que desta volta sexa un golpe financeiro e o estean a protagonizar políticos e altos executivos que, en nome dunha suposta austeridade, están a degradar as condicións de vida da poboación á que deberían servir. Co único afán de favorecer intereses privados e o seu lucro persoal, recortan –cando non eliminan- os servizos públicos, uns servizos públicos que son consubstanciais a un estado democrático no que a igualdade de dereitos debe prevalecer por riba de todo. Dereitos que non só deben ser recoñecidos, senón tamén garantidos.

Educación e saúde son só dous claros exemplos desta situación que vimos de caracterizar; queren impormos unha educación  elitista, selectiva, que mesmo segrega por razóns de xénero (a Xunta destina este ano 118 millóns de € a eses concertos educativos) e lingüicida, na que o galego, como língua propia de Galicia, fique destinada a un ritual institucional;e poñen a saúde en mans de empresas privadas como acontece en Pontevedra coa construción do novo hospital, mentres recortan os cartos en servizos sociais ou desmantelan a lei de dependencia; por non falar das pensións. Priorizan o lucro sobre o dereito á educación e sobre a vida das persoas. E esta situación repítese na xustiza, no transporte ou na vivenda.

E dáse tamén unha evidente situación de corrupción medioambiental, culminada no novo proxecto de Lei de Costas que vai supor na práctica a privatización do litoral e que, entre outras cousas, contempla a prórroga das concesións en terreos de dominio público por 75 anos máis, unha prórroga que afecta á pasteira ENCE e que impediría a recuperación da Ría, da calidade de vida e da economía da comarca, que só pode vir da man da explotación racional dos recursos naturais e do turismo, un modelo económico sustentábel incompatíbel coa presenza de ENCE-ELNOSA en Lourizán e que vén sendo esixencia dunha ampla maioría social. Non podemos esquecer que existen moitos outros casos de inxustizas ambientais, como o pretendido parque eólico do Morrazo, ou o imcumplimento de sentenzas firmes como a dos recheos do Porto de Marín ou a dos pasos a nivel da praza de Praceres.

Estamos en mans de gobernos corruptos que actúan en conivencia cos poderes económicos e que, coa escusa de reforzar a “competitividade da economía española” e reducir o paro, aumentan o grao de explotación e de precariedade da clase traballadora. Ningunha das reformas laborais levadas a cabo por PSOE ou PP foi quen de impedir a destrución do emprego, e mais semellan estar creadas para destruilo; o paro é un problema estructural da economía española, que cando as cousas van ben só crea emprego-lixo e que eleva a taxa de paro cando as cousas van mal.  Nesta situación hai quen  que, como as mulleres, sufre a crise dunha forma máis aguda. Resulta fundamental, frente a unha situación de expolio global, unha reacción de solidariedade, contestación e loita  global.

Non aceptamos pagar unha crise que non causamos mentres se legaliza unha escandalosa amnistía fiscal para as grandes fortunas e o diñeiro de dubidosa procedencia (narcotráfico, trata de mulleres, armas…) nin pagar unha débeda ilexítima e inxusta que serve para rescatar á banca e non para mellorar a situación da maioría da poboación; unha débeda que debera ser previamente auditada por todas e todos nós como un exercicio cívico de resistencia e de emancipación do pobo que está a sufrir a inxustiza, o saqueo e a rapiña do sistema capitalista.

Non aceptamos que o goberno do estado e a Xunta de Galicia fagan demagoxia aproveitando o descontento coa clase política para reducir aínda máis a calidade democrática, eliminando representantes, capacidade de decisión local e silenciando minorías; nin unha lei electoral inxusta que favorece e beneficia o bipartidismo e aos grandes partidos, e que torna ilexítimas as accións dun goberno que, ademáis, non pode ter un cheque en branco durante catro anos para gobernar de costas ao pobo baixo a dictadura de maiorías aritméticas.

Esiximos maior capacidade de decisión, participación e control popular; a dimisión do goberno e a posta en marcha dun proceso constituínte radicalmente democrático, previo exercicio do dereito a decidir dos pobos, que conclúa cunha nova Constitución baseada na democracia real, que antepoña os dereitos colectivos ao interese privado e que garanta de forma efectiva unha vida digna para todas as persoas.

  •     Non ao golpe de estado financieiro, non debemos, non pagamos.
  •     Pola xusticia social e ambiental.
  •     Pola trasparencia e democracia participativa.
  •     En defensa duns servicios públicos e universáis.
  •     Por unha auditoría cidadá da débeda, contra a débeda ilexítima.
  •     Polo noso futuro, polas nosas vidas…. defendamos os servizos públicos!
  • A PRIVATIZACIÓN, TAMÉN É CORRUPCIÓN

Convocan e asinan:

Fronte Cívico Somos Maioría Pontevedra, APDR, Asociación Amarante-Setem, Plataforma polo Aforro Público, Colectivo Encontro-Benestar Social, Movemento Veciñal a Prol dos Bens Comúns de Marín, Plataforma Auditoría Cidadá da Débeda, Esquerda Unida Pontevedra, Xuventudes Comunistas de Pontevedra, Asociación de Veciños Castelao, Cas Galicia, Masa Crítica Pontevedra, Amigos  e Amigas da Cultura, Nós-Unidade Popular, 15-M Pontevedra, Associaçom Cultural Revira y Anova.